A nosa historia

 

A arte de vivir co deleite preciso redúcese, en última instancia, a medrar en afectos, en sensacións e en memorias felices. Por esta razón é preciso regresar de cando en vez a aqueles lugares prodixiosos que nalgún instante nos conformaron por dentro coa súa luz –tal vez co seu balbordo- e que agora forman parte da nosa memoria sentimental. Por iso mesmo non cabe visitar a Bodeguilla de Sta. Marta tan só para comer ou para beber senón -e máis que nada- para buscar emocións e, en última instancia, para sentir, para poder adentrarse nos arcanos do pracer e, polo tanto, para alumear os froitos máis felices da humana sensibilidade.

Bodeguilla de Sta. Marta, baiuca íntima e buliciosa coma unha casa grande, conforma un territorio de palabras compartidas e unha cátedra sabia onde flúe o pensamento feito verbo que, por veces, mesmo se agocha en disfraces surrealistas. A miúdo as horas nesta taberna son de alto debate, urdido arredor dunha copa de viño e sobre un tema calquera que non importa en demasía, salvo polo puro pracer da dialéctica e por demostrar que un aínda está vivo e que a axilidade intelectual de cadaquén conserva os mecanismos engraxados. Tan só unha vez concluídos os alardes verbais, imporase un silencio sacramental, fino e tamén cordial. Para ese instante está reservado o grolo último da copa tan felizmente compartida…

O que converte a Bodeguilla en establecemento de lenda son algúns relampos que conforman unha sorte de epifanía: o bulicio algareiro da clientela, o rosario ledo que navega en cada copa de viño, o cruce amable de olladas, arrecendos e sabores, a reflexión barroca elaborada de palabras lúcidas… E así, co tempo, cada cliente acaba por construír unha memoria fascinada cinguida á Bodeguilla de Santa Marta, poboada de homes e mulleres que alí compartiron vida e parola e que son xa tan imborrables como algúns instantes supremos da propia experiencia do vivir. Este universo non resulta menos exquisito que morder unha presa de cereixas intensamente vermellas polos días luminosos e felices de xuño…

Adentrarse na Bodeguilla de Santa Marta é tanto como ingresar nos arcanos do marabilloso, do que posúe a calidade fundamental de nos fascinar; como acollerse á franquía dunha sorte de paraíso inquedo -por usar a terminoloxía de Bachelard- onde bule a vida e un se sente protexido contra as erosións e ignominias que a vida depara. Despois será a hora de regresar -transformados pero tamén incólumes- ó tránsito polo cotián.

E saír á rúa como saen os máis daqueles que nalgún intre recalaron nesta taberna: máis sabios e tamén máis luminosos –así o diría Juan Benet- como todo aquel que retorna dunha viaxe que dalgún xeito o transformou por dentro. E despois enfrontar o trazo prateado da luz arrabuñando os tellados dislocados da cidade de Compostela. E perderse dentro do labirinto de sombras -a esencia desta cidade fantasiosa- sabendo que a Bodeguilla, ese vasto soño do pracer, o poder sutil do encantamento, segue intacta na freguesía compostelá de Sta. Marta, ao outro lado do fluír dos días, dos azares e da chuvia.


A nosa historia

Un día calquera do outono de 1986, San Roque en persoa, perpetuo vagabundo amistado cun cadeliño rabón, chegou á franquía do vello burgo de Compostela. Viña o santo fatigado da preguiza por xeografías exóticas e da teimosa inclemencia dos camiños. Encontrou acollida, mantel e repouso na taberna que din A Bodeguilla, que naquel momento era aínda tasca de recente creación na veciñanza do barrio santiagués que ten por nome o do santo peregrino. Cando, máis tarde, Roque saíu ao sortilexio da luz das rúas compostelás, sentiuse tan confortado e feliz que, ao mesmo tempo que acariñaba o can compañeiro, desexou longos días de bonanza para tan xentil cantina e fixo aínda galano da súa onomástica para o rótulo do establecemento. Dende entón, este singular emblema da hostalaría compostelá leva por rótulo Bodeguilla de San Roque.

Ten asento de honra entre as rochas nobres de Compostela, nas proximidades, tamén pétreas, do Centro Galego de Arte Contemporánea, do mosteiro de Santa Clara e a Costa das Rodas, e a súa clientela encontra alí unha ventá que dende o reino da gastronomía permite mirar cara a territorios poboados por soños pracenteiros e fermosos: o emporio da cociña tradicional, o dos ibéricos e os queixos, o dos produtos finos de tempada e tamén o dos viños máis competentes e sosegados. Pero con todo, a riqueza maior da Bodeguilla de San Roque constrúese con vimbios de diálogo cordial entre xentes amigas en horas que, máis tarde, se revelan como as máis amables do mundo. Quen pasa por esta taberna garda unha perenne memoria da gran fermosura do País, asentada, máis que nada, sobre a fascinación enorme do padal.


A nosa historia

Dende 2005, abre as súas portas no barrio compostelán de San Lázaro -xustamente alí onde o antigo camiño das peregrinacións xacobeas ingresa feliz no xiro de Santiago para concluír periplo a Bodeguilla de San Lázaro. Esta taberna decora, pois, a paisaxe compostelá primixenia que recibe o peregrino e que regala a este un algo do asombro que se precisa para que a conclusión dun camiño non resulte nunca baleiro, inclusive o que o levou ata Santiago.

No interior desta moderna capela de culto epicúreo, mestúranse xentes diversas e soñadoras: congresistas acollidas no veciño Pazo de Congresos, peregrinos que se recuperan das fatigas nacidas nos camiños, estudantes que inician esmorgas inéditas, funcionarios evadidos das súas rutinas…

A Bodeguilla de San Lázaro é o desfrute dunha cociña tradicional e sinxela que, incluso así, aparece sempre matizada con finos e sutís toques vangardistas. Por ende, o cliente é alí agasallado cunha moi ampla e coidada carta de viños.

Dentro da Bodeguilla de San Lázaro, existe unha sala de catas, alta cátedra onde resulta fácil alcanzar unha mestura fantasiosa de pracer e de erudición. Nela celébrase o eloxio erudito e a degustación sacramental, exquisita, de viños, aceites, licores e chocolates.

Comer e beber, man a man, con xentes que buscan a complicidade dun sorriso e da conversa amable, conforma a memoria sentimental deste establecemento. Por iso, é tan feliz o laude que da Bodeguilla de San Lázaro fan os seus visitantes, sempre numerosos, soñadores e recorrentes.